Monday 06 de May de 2024

O PSOE de Ordes insta ao Concello e á Xunta a que acorden o financiamento do programa “Preescolar na Casa” en Ardemil e Vilamaior


O PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a contribuír economicamente ao mantemento do programa Preescolar na Casa cunha achega económica que financie totalmente ou en parte este programa que se está a impartir nas parroquias de Ardemil e Vilamaior. Así mesmo, instará á Consellería de Educación a que achegue os fondos precisos para o desenvolvemento deste importante proxecto educativo no rural ordense.

Así o solicitará este xoves o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, no pleno municipal de novembro, onde solicitará o apoio dos demais grupos municipal para o mantemento deste programa educativo. Pedreira denuncia que “a retirada de fondos por parte da Xunta, que achegaba medio millón de euros anuais para o seu mantemento, é a causa do peche deste programa, que é unha vítima máis dos recortes provocados pola crise económica mentres día tras día vemos que o Goberno de Feijoo malgasta os fondos dos galegos e galegas”.

En Ordes hai dúas parroquias onde se está impartindo o programa “Preescolar na Casa”: Ardemil (Mesón do Vento) e Vilamaior, por iniciativa dos pais e nais e coa colaboración do Concello, que cede o local. “Estamos xa cansos de oír repetitivamente dende a Xunta de Galicia, e en boca do seu presidente Feijoo, falar de políticas activas para implantar mozos e mozas no rural galego para frear a súa despoboación, cando os feitos demostran totalmente o contrario: estanse a pechar escolas unitarias, déixanse de proporcionar programas de servizos sociais, o rendemento das explotacións baixa cada día que pasa (tanto leite como carne e produtos agrícolas), os carburantes soben, etc, Ao final, con estas políticas nos encontraremos con que Galicia, coa complicidade da Xunta e do Presidente Feijoo, será un grande eucalipteral en mans de madeireiras estranxeiras”, advirte Xesús Pedreira.

Os socialistas de Ordes consideran que é o momento de que tanto o Concello de Ordes como a Xunta de Galicia se impliquen no mantemento de “Preescolar na casa”, especialmente agora que a asociación socio-educativa Antonio Gandoy, integrada por antigos traballadores dun proxecto educativo creado en Lugo a finais dos setenta e que foi pioneiro en Europa, acaba de asinar os seus primeiros contratos laborais e orienta xa a 120 familias con nenos de 0 a 3 anos de cinco municipios da provincia de Lugo e outros tantos da Coruña.